“Pasouoquepasou” é un arquivo en liña que recompila as imaxes máis relevantes da historia da sociedade galega recollidas pola Televisión de Galicia desde que comezaron as súas emisións en 1985.
No portal pasouoquepasou.crtvg.es poden verse vídeos elaborados cos fondos documentais que atesoura o arquivo público da CRTVG, en que se lembran os acontecementos e persoeiros que forman parte da nosa memoria colectiva. Trátase de formatos breves e axeitados á Rede cos que a canle pública pretende difundir e poñer en valor o patrimonio audiovisual, ofrecendo un recurso especialmente valioso para os sectores educativo e cultural.
O proxecto é froito da colaboración entre o Servizo de Documentación e a Área de Medios Dixitais da CRTVG, iniciada no ano 2013.