Eleccións autonómicas de Galicia 2001. O Partido Popular de Galicia (PPdeG) inicia a campaña na Praza do Toural onde un grupo de independentistas lanza ovos contra Manuel Fraga, candidato á presidencia da Xunta. O Bloque Nacionalista Galego (BNG) abre a campaña na Praza das Praterías; alí varios dirixentes pegan carteis electorais e acompañan o seu candidato, Xosé Manuel Beiras. O Partido dos Socialistas de Galicia-PSOE (PSdeG-PSOE) celebra un acto no Obradoiro no que Manuel Chaves, presidente da Xunta de Andalucía, Francisco Vázquez, alcalde da Coruña, Marcelino Iglesias, presidente de Aragón, e outros dirixentes apoian a Emilio Pérez Touriño, candidato á presidencia da Xunta. Ademais o candidato de Esquerda de Galicia (EdeG), Anxo Guerreiro, pega carteis en Vigo e Carlos Dafonte, candidato de Esquerda Unida-Izquierda Unida (EU-IU), cumpre co mesmo ritual en Lugo.